Benestar Social impulsa novos obradoiros gratuítos para axudar a xestionar o estrés dos proxenitores

Pontevedra
28 de setembro 2022

Os talleres gratuítos do programa Criar Felices, organizados en colaboración coa empresa de coaching Fuera de Caja, desenvolveranse na Casa Azul a partir do luns 10 de outubro e están dirixidos a nais, pais ou persoas coidadoras de nenos de 0 a 6 anos

Participantes no obradoiro "Criar felices" do ano 2021
Participantes no obradoiro "Criar felices" do ano 2021 / Concello de Pontevedra

A concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra, a través do programa Criar Felices, programa novos obradoiros que teñen como principal obxectivo o de reducir os niveis de estrés das nais, pais ou persoas coidadoras na crianza de fillos de 0 a 6 anos, buscando fundamentos estables nas familias, o correcto desenvolvemento infantil e a saúde emocional dos proxenitores (co mantemento dos propios intereses).

Os talleres serán impartidos de xeito gratuíto na Sala Valdecorvos da Casa Azul a partir do luns 10 de outubro pola empresa de coaching Fuera de Caja ao longo dos vindeiros tres meses, cunha quenda semanal de mañá e outra de tarde (luns, de 17:00 a 19:00 horas, e venres, de 10:00 a 12:00 horas) e un máximo de 10 participantes por quenda.

Os asistentes a este curso aprenderán a reducir a sensación de estrés que experimentan, controlar mellor os seus nervios e ansiedade, desfacerse do sentimento de culpa, entender mellor as súas emocións, coidarse para ter máis enerxía e organizar mellor o tempo coas crianzas na casa, e en definitiva, a sentirse máis felices e realizados e compartir esa felicidade coas súas familias.

Todas aquelas persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través do teléfono de contacto 607 32 34 58 ou do email [email protected].

Segundo subliña o concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, "este curso está especialmente orientado ás familias que dispoñen de menos recursos, posto que é responsabilidade das institucións públicas fomentar a conciliación e corresponsabilidade entre homes e mulleres, garantindo a igualdade de oportunidades". 

"Con independencia do modelo de familiadeben existir un piar fundamental para a individualidade e un lugar privilexiado para a educación, a protección e a seguridade", asegura Marcos Rey.