Benito Corbal é, segundo o PP, un dos peores exemplos do "cacarexado" modelo de cidade

Pontevedra
17 de febreiro 2014

O Partido Popular de Pontevedra volve cargar contra o modelo urbano da cidade. Desta volta pola "chapuza" da reforma da rúa Benito Corbal, da que critican a "precariedade e provisionalidade" que mantén tres meses despois de que fora inaugurada esta actuación. Denuncian que aínda faltan moitas accións relacionadas coa dotación de mobiliario ou cos acabados desta remodelación

Cidadáns paseando por Benito Corbal
Cidadáns paseando por Benito Corbal / Mónica Patxot

O Partido Popular de Pontevedra volve cargar contra o modelo urbano da cidade. Desta volta pola "chapuza" da reforma da rúa Benito Corbal, da que critican a "precariedade e provisionalidade" que mantén tres meses despois de que fora inaugurada esta actuación. Denuncian que aínda faltan moitas accións relacionadas coa dotación de mobiliario ou cos acabados desta remodelación.

O grupo municipal considera que a obra de Benito Corbal é "o peor ou un dos peores exemplos do cacarexado modelo", pois esta "vulgar" actuación na principal arteria comercial da cidade limitouse ata agora, segundo os populares, "a un pobre asfaltado e lastrado da rúa, sen apenas mobiliario urbano e moi cuestionable esteticamente".

Nun comunicado, Jacobo Moreira asegura que o "mal facer" do goberno municipal se estendeu nos últimos meses a dúas actuacións polas que preguntarán no Pleno do mércores: Blanco Porto, cuxa reforma, denuncian, "só chegou a pouco máis da metade da rúa"; e Santa Clara, "que o Concello iniciou sen ter concedido o preceptivo permiso de Patrimonio para actuar no contorno de protección do Convento de Santa Clara".

O informe desfavorable deste organismo, que culpou á obra de unificar a imaxe da cidade e contribuír á perda da súa identidade histórica, "deixou unha vez máis en evidencia ao goberno municipal, obrigando a modificar o proxecto", recorda o voceiro popular. "Agardamos que presenten un proxecto axeitado para poñer en valor todo este espazo e non se limiten a executar outra actuación parcial máis, aparcando de novo e sen solución un problema durante meses ou anos".