Berro desconsolado de auxilio da hostalería en Pontevedra: "Estamos mortos"

Pontevedra
30 de novembro 2020

Traballadores de todos os estamentos do sector participaron este luns nunha multitudinaria marcha polas rúas da capital para evidenciar a situación límite que atravesa o sector, solicitar axudas mentres dure o peche obrigatorio e deixar claro que "a hostalería non é o problema"

Hostaleiros de Marín, Poio e Pontevedra piden axuda ás administracións para sobrevivir á crise da covid-19 / Mónica Patxot

Cacerolas, bombos, bucinas, bandexas, altofalantes, cadaleitos, ramos de flores e unha infinidade de utensilios para facer ruído portados por máis de catrocentas persoas ligadas ao gremio da hostalería de Pontevedra, Marín e Poio fixéronse oir e ver este luns polas rúas da capital da provincia para deixar claro, ante a sociedade e as administracións do Estado, que a hostalería se está morrendo.

Do mesmo xeito que o luns pasado e que seguirán facendo todos os luns ata final de ano mentres dure o peche do sector, a asociaciación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), co apoio da plataforma de afectados pola covid-19 que aglutina a preto dun centenar de hostaleiros e autónomos de diversos sectores, organizaron unha multitudinaria marcha desde a delegación da Xunta ata a praza de España facendo paradas diante do Concello, Deputación e Subdelegación do Goberno para facerlles chegar o seu malestar e as súas reivindicacións.

"Queremos deixar claro que non somos o punto de contaxio", remarcou o presidente do colectivo de hostaleiros, Víctor Pampín, quen alerta sobre a situación límite que está a vivir o sector, pechado como consecuencia da segunda onda da covid-19. "A situacion é cada día máis crítica, os gastos empezan mañá de novo con novos impostos, taxas e alugueiros e se non podemos facturar a situacion agrávase mais", expón o empresario que reitera a súa petición de axuda aos diferentes gobernos en forma de exoneración de taxas municipais, axudas económicas, laborais e sanitarias, así como permisos para reabrir cumprindo sempre coas pertinentes medidas de seguridade para evitarcontaxios.

"Estamos á espera de que baixen os contaxios e do que decida Sanidade", sinala Pampín cuestionado sobre cando cre que poderá chegar o día da repaertura, nun momento no que aínda non se cumpriu o mes do decreto que obrigou a pechar os negocios de restauración naqueles municipios galegos nos que a incidencia do virus era alarmante. De feito, Pontevedra é unha das cidades que segue en máximo estado de alarma e o sector teme que o peche se poida prolongar varias semanas máis.

Entre os preto de 500 manifestantes estaba o chef estrela Michelin, Pepe Solla, que pediu ás administracións que escoiten as súas peticións e se dean conta de que quedou demostrado que nestes negocios a taxa de contaxio é moi reducida, explicou con medo a que o sector poida perderse a campaña de Nadal. 

Ao longo da marcha, os protestantes realizaron paradas diante das sedes do Concello, Deputación e Subdelegación para ler un manifesto co que deixar claro que "a hostalería non é o problema". Insisten ademais en que eles contribuíron cos seus impostos e que "chegou o momento" de que as administracións lles presten a axuda que necesitan.

"Estamos mortos", exclamaron preto de medio milleiro de camareiros, repartidores, provedores, autónomos e pequenos empresarios tombados no chan de céntrica Praza de España pontevedresa. Están a tempo aínda de revivir, pero só se lles permiten traballar.