Un berro de protesta por unha Pontevedra "acolledora coa diversidade de sexo e xénero"

Pontevedra
11 de agosto 2025

A praza de España acolleu este luns unha concentración convocada por Avante LGTB+ en repulsa por unha agresión homófoba denunciada recentemente en Benito Corbal

Concentración de repulsa por unha agresión homofóbica denunciada en Benito Corbal

A praza de España acolleu este luns unha concentración en repulsa por unha agresión homófoba denunciada hai unha semana.

O acto de protesta e condena foi convocado polo colectivo Avante LGTB+.

Contou cos apoios de numerosas asociacións, grupos políticos e polo Concello de Pontevedra que nun comunicado lembrou que esta administración local "condenou e condenará sempre calquera tipo de violencia que se exerza sobre as persoas e sobre calquera colectivo humano, que atente contra a diversidade e que poña en perigo a nosa sociedade".

A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para localizar os supostos autores destes feitos.

A agresión ten dúas vítimas, que formalizaron unha denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional.

Trátase dunha denuncia por un delito de odio por tratarse dunha agresión pola identidade sexual das vítimas.

A asociación LGBTIQA+ Avante Pontevedra pediu colaboración cidadá para que "se algunha persoa presenciou as agresións, que tiveron lugar na madrugada do sábado na rúa Benito Corbal, ao redor das 6.30 da mañá á altura de Mango, ao berro de maricóns de merda, e poida achegar datos sobre a mesma".

Avante asegura non obstante que "sentimos que Pontevedra é unha cidade acolledora coa diversidade de sexo e xénero e estas accións LGBTIQA+fóbicas, aínda que puntuais, non forman parte da cidade que queremos, merecemos e pola que traballamos arreo durante todo o ano".

"Diante do seu odio, teremos unha resposta firme e clara: non daremos nin un paso atrás, nin voltaremos aos armarios. Seguiremos saindo á rúa e seguiremos combatendo estas violencias para que Pontevedra siga sendo unha cidade diversa e plural", afirmou na lectura do manifesto o responsable do colectivo, Diego Feijoo.