Investigan unha agresión homófoba en Benito Corbal e buscan aos posibles agresores

Pontevedra
07 de agosto 2025

A Policía Nacional ten aberta unha investigación polos feitos, ocorridos na madrugada do domingo 3 de agosto. Hai dúas vítimas que formalizaron unha denuncia por un delito de odio

Axentes da Policía Nacional de patrulla por Pontevedra
Axentes da Policía Nacional de patrulla por Pontevedra / PontevedraViva

A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para localizar aos supostos autores dunha agresión homófoba ocorrido durante o pasado fin de semana na rúa Benito Corbal de Pontevedra.

A agresión ten dúas vítimas, que formalizaron unha denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional.

Todo ocorreu na madrugada do sábado 2 ao domingo 3 de agosto e as vítimas denunciaron ao día seguinte, o luns 4.

Tras a denuncia, abriuse unha investigación que continúa aberta e céntrase agora en buscar aos autores, pois aínda non se dispón de ningún dato para identificalos.

Fontes policiais confirmaron que son varios agresores, pero non se facilitarán aínda máis datos sobre o ocorrido.

Trátase dunha denuncia por un delito de odio por tratarse dunha agresión pola identidade sexual das vítimas.

O caso deuse a coñecer durante a xornada do mércores a través das redes sociais porque as vítimas e a asociación LGBTIQA+ Avante Pontevedra piden colaboración cidadá para localizar aos autores.

Solicitouse, a través das redes sociais, que calquera testemuña que teña datos para axudar á identificación dos agresores axude na investigación.

As vítimas deste suceso piden preservar o seu anonimato e están a actuar con moita discreción, do mesmo xeito que a asociación Avante.