'Bibopalula' sae de xira cun espectáculo infantil ao grande

Pontevedra
23 de maio 2025

O espectáculo de Bibopalula estará en Pontevedra o sábado 14 de xuño, no Auditorio Sede Afundación, cun pase previsto ás 17.30 horas para o que as entradas xa están á venda

O espectáculo de Bibopalula sae de xira Ainé Producións

Robin, Carpin, Merli e Pegui son A Banda do Bosque, un grupo de paxaros que fan música. Déronse a coñecer entre as nenas e nenos a través das pantallas en Xabarin.gal cunha serie musical de cincuenta e cinco capítulos que en poucos días conseguiu ser o contido máis visto da plataforma de contidos infantís.

Tal foi o éxito que desde Ainé, a produtora do actor Xosé A. Touriñán, non o dubidaron. Habituados a encher teatros e auditorios por toda Galicia cos seus espectáculos de comedia decidiron lanzarse á produción escénica infantil cunha proposta que o ten todo para triunfar: cancións, coreografías, efectos especiais...

O espectáculo de Bibopalula sae de xira durante todo o mes de xuño cunha proposta nada habitual en Galicia: cinco actrices sobre as táboas, un equipo técnico e de produción de máis de dez persoas, un decorado que fará de cada escenario un gran bosque, decenas de focos e proxeccións para que a experiencia das pequenas e pequenos espectadores sexa inesquecible.

O espectáculo de Bibopalula sae de xiraAiné Producións

Lidia Veiga é a protagonista da peza e interpreta a Ava, unha experta observadora de paxaros, encargada de guiar ao público nunha divertidísima viaxe polo bosque na procura dun gran tesouro. Os fenómenos meteorolóxicos, a escuridade da noite ou os medos e inquedanzas de cada un dos membros da Banda do Bosque serán obstáculos a superar durante os cincuenta minutos de espectáculo. Non faltarán sobre o escenario outros personaxes queridos polas nenas e nenos, como o Señor Moucho ou Pombo, que interpreta o propio Touriñán.

A peza está dirixida a cativas e cativos de entre 3 e 8 anos, que sairán do teatro cun pequeno agasallo co que revivir a experiencia a través dun xogo interactivo co que aprenderán moito máis sobre o bosque e os paxaros que o habitan, e desfrutarán de máis cancións.

O espectáculo de Bibopalula estrearase o 7 de xuño na Coruña e xirará por toda Galicia todas as fins de semana do mes. En Pontevedra estará o sábado 14, no Auditorio Sede Afundación, cun pase previsto ás 17.30 horas para o que as entradas xa están á venda.

A Xunta de Galicia, a través das súas subvencións á creación escénica, o Concello da Coruña e Deleite fan posible esta produción de Ainé, a compañía que lidera a venda de entradas para espectáculos en galego desde hai xa varios anos con propostas como Somos Criminais ou Fariña.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora