Bigotes felinos de Poio pide axuda urxente para que 'Levi' reciba atención veterinaria

Poio
30 de setembro 2020

Bigotes Felinos de Poio fai unha chamada para conseguir doazóns económicas que permitan, de forma urxente, levar a un gato da rúa ao veterinario. Este colectivo demanda a aplicación do método CES no municipio

'Levi' é o gato felar para o que solicitan axuda económica
'Levi' é o gato felar para o que solicitan axuda económica / Bigotes felinos de Poio

Bigotes felinos de Poio é unha iniciativa que arrincou o pasado agosto tras unirse varios veciños do municipio preocupados polos gatos que viven na rúa. A súa intención é a de implantar o método CES, captura - esterilización e solta -, nas colonias de felinos felares. Dada a falla de recursos económicos, queren que o Concello se implíque coa parte económica que permita o seu obxectivo.

Este pasado martes, a través do seu perfil de Facebook, poñían de manifesto o caso concreto dun gato ao que chamaron  'Levi'. Solicitan axuda económica entre a cidadanía que lles permita levar ao animal ao veterinario. 'Levi' como sinalan na súa rede social "ten a pel mal debido a que é de capa branca e está exposto á luz solar. Xa non ten voz para  maullar e fai ruído ao respirar porque ten un forte arrefriado".

Fan esta chamada pública para poder levalo a un veteranio urxentemente porque "cada día apágase física e animicamente un pouquiño máis". A súa intención era organizar algunha convocatoria benéfica, como un mercadillo, pero a situación de pandemia impídello.

Así, aquelas persoas que queiran colaborar coa cantidade que estimen oportuna, poden facelo a través dun ingreso na conta de Abanca que facilitan no seu Facebook especificando ademais concepto e beneficiaria da achega. Tamén reciben achegas a través de  Bizum. Para deixar fóra de dúbidas o destino do diñeiro que se poida conseguir, comprométense a facer públicas as facturas da prestación veterinaria que requira.