O grupo municipal do BNG esixiu ao goberno local de Poio que impulse a construción do novo centro de saúde criticando a "pasividade" deste proxecto e lamentando o "abandono" da canteira da Graña.
Os concelleiros do Bloque, acompañados polo deputado no Parlamento galego Luís Bará, compareceron este mércores nesta parcela de 40.000 metros cadrados adquirida no anterior mandato para a construción de infraestruturas fundamentais como o novo centro de saúde, o novo pavillón, novas instalacións culturais e mellora dos accesos a Campelo.
A portavoz nacionalista, Marga Caldas, lembrou que estes terreos foron postos a disposición da Xunta pero que "a día de hoxe non se fixo absolutamente nada".
Luís Bará anunciou as iniciativas que o BNG vai levar ao Parlamento galego en relación con esta "demanda histórica" da cidadanía de Poio, para que se constrúa un centro de saúde "máis moderno, máis amplo e máis funcional" que o actualmente existente en Anafáns, e que permitiría a prestación de novos servizos sanitarios agora inexistentes.
O BNG pedirá que se asine un convenio entre a Xunta, o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas para construir o novo centro de saúde, e se melloren os accesos a Campelo, ao tempo que demandarán que se manteñan os actuais centros de saúde de Combarro e Raxó e se estuden os usos futuros do centro de Anafáns, unha vez que deixe de cumprir a súa función.
Luís Bará anunciou tamén que se vai presentar unha emenda para que se inclúa nos orzamentos de 2025 unha partida específica para que se poida facer o proxecto, licitar a obra e que esta comece canto antes.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
En resposta ás críticas do BNG, a concelleira Rocío Cochón asegurou que o goberno local considera que é necesario dotar ao municipio desta infraestrutura sanitaria que permitirá mellorar e ampliar a atención da veciñanza.
Agora ben, considera "sorprendente" que ao Bloque que gobernou "durante case tres décadas" en Poio "lle entren agora as présas para a súa construción".
Rocío Cochón afirmou que a parcela da canteira da Graña comprada no anterior mandato "a última hora" encadea unha serie de problemas cos propietarios colindantes, non conta cos servizos básicos de auga nin saneamento e non está adaptada urbanisticamente.
Tamén engadiu que tampouco ten accesos, o que obrigaría o Concello a ter que abrir un novo vial o que supón un investimento elevado para convertela nunha parcela adaptada e útil.