O Bloque Nacionalista Galego cualificou este venres de "curta de miras" a campaña da Deputación polo 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.
O lema escollido polo goberno provincial, "O machismo vese claro cando enfocas", converteuse no principal obxecto das críticas nacionalistas, que consideran que a mensaxe evidencia "a falta de visión" do Partido Popular ante a realidade da violencia de xénero.
"Ante o machismo non é necesario enfocar, as evidencias son manifestas. O que hai que facer é simplemente abrir os ollos para velo, non mirar para outro lado, e non só identificalo, senón encaralo e combatelo", afirmou a deputada do BNG Manuela Rodríguez.
Segundo explicou, o problema non está en identificar o machismo, senón en afrontalo mediante políticas públicas decididas, algo do que, ao seu xuízo, a Deputación está a se afastar con paso firme.
A formación nacionalista lamenta que a institución provincial se limite a lanzar mensaxes "mornas" en lugar de trasladar unha condena "clara e contundente".
Rodríguez pregúntase que é o que hai que "enfocar" exactamente: os datos da violencia de xénero, as desigualdades laborais, as fendas salariais, os teitos de cristal ou os estereotipos que perpetúan o machismo.
"Todo iso non é suficiente? Non se ve claro?", cuestionou, lembrando que o machismo "non é unha cuestión de perspectiva, senón unha estrutura de represión que afecta a máis da metade da poboación".
Ademais das críticas ao lema, o BNG puxo o foco na redución do orzamento destinado á área de Igualdade.
A deputada lembrou que en 2023 o investimento superaba os 2,1 millóns de euros -o 1,17% do orzamento provincial-, mentres que para 2026 a cifra quedará por baixo dos 1,8 millóns, apenas un 0,75% do presuposto total. Un recorte que, para os nacionalistas, explica a "dificultade" do PP para identificar e combater o machismo.
O Bloque denuncia tamén a falta de campañas de sensibilización nos últimos anos e que, para o vindeiro exercicio, se eliminase directamente a partida destinada a actos contra a violencia machista.
"Ese orzamento queda curto, escaso, igual que o lema da campaña e das propostas que fan", advertiu Rodríguez Pumar, lembrando que o PP xa votou en contra dunha moción do BNG que pedía reforzar os fondos.
Con todo, o BNG volveu reclamar ao goberno provincial que "abra ben os ollos" e asuma maior compromiso fronte a unha lacra social que consideran un problema de dereitos humanos.
A formación nacionalista insta ao PP a deixar de esixir accións ás demais administracións e a asumir a súa responsabilidade "alí onde goberna".