O BNG de Sanxenxo convoca unha concentración en defensa da balaustrada de Silgar

Sanxenxo
03 de maio 2026

"Retirala é borrar unha parte da nosa historia e transformar un dos espazos máis recoñecibles do noso litoral", asegura a agrupación nacionalista. A protesta terá lugar o venres 9 de maio

Balaustrada de granito en Silgar
Balaustrada de granito en Silgar / BNG de Sanxenxo

Chamada á mobilización desde o BNG de Sanxenxo para defender a balaustrada de granito do Paseo de Silgar.

A agrupación nacionalista convoca unha concentración de protesta tras constatar, asegura, que o goberno local segue adiante coa decisión de substituír a balaustrada de pedra ao ter licitado xa a obra cunha previsión de execución de tres meses.

"Hai opcións que permitirían conservar este símbolo empregando outros materiais ou solucións técnicas, pero o Goberno local decidiu non escoitar nin valorar propostas", critican desde o BNG.

Aseguran ademais que constataron un importante descontento popular co proxecto.

"Retirala é borrar unha parte da nosa historia e transformar un dos espazos máis recoñecibles do noso litoral", explican na súa convocatoria á cidadanía.

Para os nacionalistas o Concello coa súa decisión "ignora á maioría social" e repite erros como o do Miradoiro da Peixeira en Portonovo.

A concentración de protesta celebrarase o vindeiro venres 8 de maio ás 19.00 horas na Rosa dos Ventos do Paseo de Silgar.

Desde o BNG quixeron lanzar un chamamento a veciños e asociacións de todas as parroquias "con independencia da súa ideoloxía e sentir político" para defender entre todos un "símbolo histórico", tal e como cualifica á balaustrada de granito que desde hai anos está instalada nun lugar emblemático do municipio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora