Máis de 40 persoas quixeron unirse este sábado á conmemoración do décimo aniversario da asociación Boa Vida na súa sede da rúa da Seca. Segundo informou a asociación, estas persoas acudiron á oficina de dereitos e deberes sociais da entidade para homenaxear as persoas fundadoras e a todas aquelas que xa finaron neste percorrido.
A entidade pontevedresa fixo balance destes dez anos nos que traballaron en dúas liñas, primeiro, a de saír da pobreza, e, e segundo lugar, mellorar a sociedade e cumprir coa frase do fundador de Traperos de Emaús, Abbé Pierre, "os aparentemente inútiles, co aparentemente inútil creamos cousas útiles para nós, a sociedade e o medio ambiente".
Con motivo deste décimo aniversario, instalouse unha placa conmemorativa e houbo un recordo especial para as primeiras persoas que fixeron posible a entidade. "Foron as persoas aparentemente inútiles, foron os valentes, que puxeron a súa sinatura o 2 de febreiro de 2012 na acta constituínte", destaca a entidade a través dun comunicado.
A primeira directiva estivo integrada por unha presidenta, Virginia Ojea Caneda, veciña de Monte Porreiro; unha vicepresidenta, María Teresa Patiño Miguez, veciña do centro da cidade; e un secretario, Miguel Luque Fajardo, nado en Andalucía e residente primeiro en Marín e despois nas rúas de Pontevedra (un sen teito). Tamén figuraba entre os fundadores un home que quere permanecer no anonimato, o tesoureiro, e un grupo de vocais.
Desde Boa Vida consideran que agora tócalle ser visibles e recibir o agradecemento dos que agora collen os froitos desa "grandeza e xenerosidade".
Pepa Vázquez, actual presidenta, quixo facer un chamamento á cidadanía de "cooperación solidaria como expresión de loita pola xustiza, redución das causas que a producen, e dereito a vivir do traballo".
Ao acto estaban convidados os familiares dos falecidos nun recordatorio de que "a pobreza e a inxustiza tamén mata", xa que a esperanza de vida das persoas que sofren procesos de pobreza e exclusión é menor que a media.
Das cinco persoas falecidas só Miguel Luque superaba tiña 61 anos os demais estaban entre 45 e esa idade. Son Angel Darrosa Amboal, Ruth Liliana Lopez de Casas, Mariló Pintos Tilve, Gustavo García de Jesú e Miguel Luque Fajardo.