A Boa Vila rememora a Revolución dos Caraveis cantando 'Grândola, Vila Morena'

Pontevedra
25 de abril 2025
Actualizado: 20:35

A agrupación musical Mais Cantos, dirixida por Nelson Quinteiro interpretou cancións tradicionais portuguesas destacando o 'Grândola, Vila Morena'.

Cantata comunal e pública do 'Grândola, Vila Morena'.
Cantata comunal e pública do 'Grândola, Vila Morena'. / Concello de Pontevedra

O Ateneo de Pontevedra organizou, baixo o título "25 de abril, sempre" unhas xornadas conmemorativas dun feito tan relevante política, cultural e socialmente como o foi a Revolución do 25 de Abril de 1974 en Portugal, coñecida popularmente como a "Revolución dos Caraveis".

Dentro dos actos programados, este venres tivo lugar nas escaleiras do Teatro Principal a cantata comunal e pública do 'Grândola, Vila Morena'. 

Esta canción, da autoría do músico e poeta José Afonso, foi o sinal radiado para dar comezo á Operación Viragem Histórica en Portugal, a revolución que poría fin á ditadura, e converteuse nun dos himnos icónicos internacionais da loita dos pobos na conquista da liberdade en contra dos réximes de opresión ditatorial.

A agrupación musical Mais Cantos, dirixida por Nelson Quinteiro interpretou cancións tradicionais portuguesas destacando o 'Grândola, Vila Morena'.

A canción fai referencia á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentejo, e o público asistente a este acto en Pontevedra ergueu os caraveis para cantar a letra empregando os pasos laterais do baile que se asocia coa simbólica peza. 

Na madrugada do 25 de abril de 1974 a canción foi retransmitida na Rádio Renascença, a emisora católica portuguesa, como sinal para a confirmación do inicio da revolución. Esta canción converteuse nun símbolo da revolución que derrotaría á ditadura de Salazar e daría liberdade a Portugal e ao seu inmenso imperio colonial. 

As forzas do exército portugués organizadas polo MFA foron as encargadas de conseguir a liberdade co apoio do pobo que as acubillou coa colocación de caraveis vermellos nas bocas dos canóns dos tanques e os fusís dos soldados.

Cantata popular