Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e un dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho.
Os berberechos son moluscos altamente nutritivos, grazas á súa achega en ferro. Teñen un baixo contido en graxas e gran porcentaxe de proteínas.
Para preparar unhas saborosas Bólas de puré de pataca con berberechos Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de berberechos ao natural Pescamar
- 4 patacas medianas
- 4 culleradas de manteiga
- 100 ml de leite enteiro
- Pementa branca en po
- Noz moscada en po
- Allo en po
- Sal
- 2 ovos
- Pan relado
- Aceite de oliva virxe extra
Preparación:
Comezamos co puré de pataca. Para elaboralo, cocemos as patacas peladas en abundante auga salgada ata que se abranden. Escorremos e reservamos.
Incorporamos a unha tixola as 4 culleradas de manteiga e fundímolas a lume moi suave. Retiramos do lume e imos introducindo as patacas á vez que as desfacemos e mesturamos coa manteiga cun batedor. Engadimos a pementa e a noz moscada e mesturamos ben.
Volvemos poñer a lume baixo a mestura e engadimos o leite aos poucos. Seguimos traballando a masa ata obter unha textura cremosa pero con consistencia.
Estendemos a masa nunha bandexa e marcamos unha especie de cuadrícula coa cantidade de masa que desexemos destinar a cada bóla. Sobre cada cadrado, colocamos unha ou dúas pezas da lata de berberechos ao natural Pescamar e un pouco de allo en po.
Deixamos arrefriar a masa (se é necesario meténdoa na neveira) e formamos unhas bólas con cada unha das porcións que marcaramos, pechándoas sobre o recheo.
Pasamos as bólas por fariña, ovo e pan relado. Por último, ponse unha tixola con abundante aceite a quentar e frítense ata que estean douradas por todos os lados.
Retiramos sobre papel absorbente para quitar o exceso de aceite e listas para servir.
Nuns días, farémosvos chegar unha nova suxestión culinaria de "A cociña gourmet en conserva", con Conservas Pescamar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.