Os Bolechas alíanse con Cerdedo-Cotobade para poñer en valor o traballo dos axentes forestais

Cerdedo-Cotobade
05 de febreiro 2025

A edición deste libro ten unha tiraxe duns 3.500 exemplares que serán distribuídos, principalmente, entre as bibliotecas e os centros escolares de toda a comunidade autónoma galega

Presentación en Carballedo do libro "Os Bolechas visitan os axentes ambientais"
Presentación en Carballedo do libro "Os Bolechas visitan os axentes ambientais" / Concello de Cerdedo-Cotobade

Os Bolechas visitan os axentes ambientais. É o título do libro que promove no ámbito infantil a concienciación e o coidado do patrimonio natural referenciado no concello de Cerdedo-Cotobade.

Esta actuación divulgativa, promovida pola Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga), conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua e o Concello de Cerdedo-Cotobade.

O libro, que foi presentado na casa consistorial de Carballedo, busca dar visibilidade ao traballo que realizan os axentes ambientais en todo o ámbito rural.

A edición deste libro ten unha tiraxe de 3.500 exemplares que serán distribuídos, principalmente, entre as bibliotecas e os centros escolares de toda Galicia.

Trátase dun relato de fácil lectura escrito en idioma galego e que ten como eixo vertebrador a defensa da natureza e o uso da lingua.

O relato céntrase no labor que levan a cabo os axentes ambientais en Cerdedo-Cotobade, a través da protección do medio ambiente, a piscisfactoría e o centro de recuperación de aves ou os espazos da Rede Natura.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu o labor que desenvolven estes axentes para a protección e defensa do medioambiente e o patrimonio natural e sinalou como motivo de orgullo o feito de que este libro estea ambientado no seu municipio.

Ademais, destacou que tamén debe ser loada "a aposta que fan polo noso idioma e pola promoción do seu labor entre a infancia".