Os bombeiros incorporan un novo camión nodriza que pode actuar en grandes incendios

Pontevedra
25 de abril 2025
Actualizado: 15:34

Trátase dun camión cunha "potencia extraordinaria", segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e que supón unha mellora "substancial" para a capacidade de actuación dos bombeiros

Novo camión nodriza dos bombeiros de Pontevedra
Novo camión nodriza dos bombeiros de Pontevedra / Pablo Ajuria - Brais Porto

Un camión nodriza con capacidade de almacenaxe para 12.000 litros de auga. É a nova incorporación ao parque móbil dos bombeiros de Pontevedra.

O vehículo, de última xeración, foi adquirido por un custe próximo aos 420.000 euros.

Foi presentado este venres na Praza de España polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado da edil de seguridade e protección cidadá, Eva Vilaverde; e do xefe do corpo de bombeiros de Pontevedra, Miguel Estévez.

Trátase dun camión cunha "potencia extraordinaria", segundo explicou Fernández Lores, e que supón unha mellora "substancial" para a capacidade de actuación dos bombeiros.

O vehículo ao que substitúe chegara ao parque de bombeiros no ano 1996.

Novo camión nodriza dos bombeiros de Pontevedra
Novo camión nodriza dos bombeiros de PontevedraPablo Ajuria - Brais Porto

O rexedor pontevedrés destacou que o Concello continúa así mellorando o equipamento do corpo de extinción de incendios municipal, a través de "elementos punteiros e de última tecnoloxía" y que permiten operar en "grandes incendios".

Estévez, pola súa banda, detallou que este vehículo pode funcionar como apoio na primeira saída, sempre que se precise un gran subministro de auga, "o que o fai ideal para traballar coas outras unidades".

"Substitúe a un vehículo que tiña 10.000 litros e conta cunha bomba sobredimensionada para poder funcionar de forma excepcional. É do mellor que hai actualmente", subliñou.

Os bombeiros de Pontevedra teñen, nestes momentos, un total de quince vehículos.

A nivel de plantel, Miguel Estévez indicou que o parque está "ao cen por cen" con 42 traballadores, aínda que en breve se producirá algunha xubilación. Na relación de postos de traballo figuran 43 efectivos para cubrir este servizo.