O comercio local de Marín colle pulo cunha nova campaña de descontos. O Concello de Marín e o Centro Comercial Aberto (CCA) Estrela de Marín veñen de presentar os "Bonos 20/30 do Comercio de Marín", unha iniciativa pensada para fomentar o consumo de proximidade e apoiar directamente aos establecementos da vila.
A acción tradúcese na posta en circulación de 600 bonos desconto de 10 euros, que poderán empregarse nos comercios adheridos á campaña.
Trátase dun incentivo directo á compra que busca xerar un retorno económico inmediato no tecido comercial local e animar á veciñanza a mercar no comercio de sempre.
O programa conta cun respaldo institucional sólido. O Concello de Marín asume o custo íntegro dos bonos, mentres que a Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, participa na cofinanciación da iniciativa. Pola súa banda, o CCA Estrela de Marín encárgase da xestión integral da campaña, desde o deseño e funcionamento do sistema de bonos ata a coordinación cos establecementos, o control do seu uso, o seguimento dos resultados e as accións de comunicación.
O prazo de adhesión para os comercios xa está aberto e os establecementos interesados poden inscribirse a través da web de Estrela de Marín. A relación completa de negocios participantes poderá consultarse tamén na páxina de Comercio de Marín.
En canto á cidadanía, os bonos poderán descargarse a partir das 08:00 horas do venres 13 de febreiro e estarán dispoñibles ata o 13 de marzo ou ata esgotar existencias.
Con esta campaña, o comercio de Marín aposta por reforzar a competitividade, atraer nova clientela, incrementar as vendas e dar visibilidade conxunta á oferta comercial da vila baixo unha marca común.
Nos próximos días intensificarase a difusión informativa para facilitar o acceso aos bonos e promover unha ampla participación tanto dos establecementos como das persoas consumidoras.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.