600 bonos de 10 euros animan o consumo nos comercios de Marín

Marín
09 de febreiro 2026

O Concello de Marín e o CCA Estrela de Marín lanzan a campaña "Bonos 20/30". A iniciativa busca apoiar o comercio de proximidade, atraer clientes e aumentar as vendas

Presentación dos Bonos 2030 do Comercio de Marín CCA Estrela de Marín

O comercio local de Marín colle pulo cunha nova campaña de descontos. O Concello de Marín e o Centro Comercial Aberto (CCA) Estrela de Marín veñen de presentar os "Bonos 20/30 do Comercio de Marín", unha iniciativa pensada para fomentar o consumo de proximidade e apoiar directamente aos establecementos da vila.

A acción tradúcese na posta en circulación de 600 bonos desconto de 10 euros, que poderán empregarse nos comercios adheridos á campaña.

Trátase dun incentivo directo á compra que busca xerar un retorno económico inmediato no tecido comercial local e animar á veciñanza a mercar no comercio de sempre.

O programa conta cun respaldo institucional sólido. O Concello de Marín asume o custo íntegro dos bonos, mentres que a Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, participa na cofinanciación da iniciativa. Pola súa banda, o CCA Estrela de Marín encárgase da xestión integral da campaña, desde o deseño e funcionamento do sistema de bonos ata a coordinación cos establecementos, o control do seu uso, o seguimento dos resultados e as accións de comunicación.

O prazo de adhesión para os comercios xa está aberto e os establecementos interesados poden inscribirse a través da web de Estrela de Marín. A relación completa de negocios participantes poderá consultarse tamén na páxina de Comercio de Marín.

En canto á cidadanía, os bonos poderán descargarse a partir das 08:00 horas do venres 13 de febreiro e estarán dispoñibles ata o 13 de marzo ou ata esgotar existencias.

Con esta campaña, o comercio de Marín aposta por reforzar a competitividade, atraer nova clientela, incrementar as vendas e dar visibilidade conxunta á oferta comercial da vila baixo unha marca común.

Nos próximos días intensificarase a difusión informativa para facilitar o acceso aos bonos e promover unha ampla participación tanto dos establecementos como das persoas consumidoras.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora