Bora cambia ao LED cunha renovación de toda a súa iluminación pública

Pontevedra
05 de marzo 2018

Tras Canicouva e Ponte Sampaio, Bora tamén verá substituída toda a súa iluminación pública por lámpadas LED. O Concello de Pontevedra investirá 210.000 euros no proxecto de mellora do alumeado, que pasará a ser máis eficiente en materia enerxética

Operarios de Setga realizan tarefas de mantemento no alumeado público
Operarios de Setga realizan tarefas de mantemento no alumeado público / Mónica Patxot

Tras Canicouva e Ponte Sampaio, Bora tamén verá substituída toda a súa iluminación pública por lámpadas LED. O Concello de Pontevedra investirá 210.000 euros no proxecto de mellora do alumeado, que pasará a ser máis eficiente en materia enerxética.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, asegurou que se cambiarán as 501 luminarias que existen en toda a parroquia, colocando no seu lugar LED de última xeración. Tamén se reporán os brazos dos postes dos farois no caso que fora necesario.

O Concello calcula un aforro do 60% no consumo enerxético e na factura que se paga por este alumeado público.

Ademais, González recordou que a substitución por LED permitirá que a zona estea mellor iluminada, que haxa menos contaminación lumínica e menos emisión de CO2 e que se reduzan as tarefas de mantemento e avarías na rede, xa que a obra implicará, tamén, a substitución dos cadros e da instalación eléctrica.

A empresa que resulte adxudicataria desta actuación terá un mes de para executala.

A intención do goberno é continuar a mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no resto de parroquias.

XUNQUEIRA DE ALBA

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou sacar a licitación o acondicionamento integral da Xunqueira de Alba, na que se investirán 195.000 euros.

As obras, unha vez adxudicadas, deberán estar completadas nun prazo de tres meses, polo que o Concello agarda que este espazo de lecer estea en óptimas condicións de cara o verán.