A borrasca de alto impacto Joseph instalouse en Galicia con intención de quedar, polo menos, até o xoves. O seu paso deixará choivas persistentes, refachos de vento moi fortes e neve en cotas relativamente baixas, co mércores como xornada máis complicada, segundo coinciden a Aemet e Meteogalicia.
Este martes e o mércores a comunidade seguirá castigada polas precipitacións. A causa está nunha atmosfera cargada de humidade, alimentada por un chorro polar que, debido a un bloqueo entre Groenlandia e Escandinavia, descendeu de latitude empuxando cara á Península un auténtico carrusel de borrascas. A este escenario súmase, ademais, un río atmosférico procedente do Caribe, que intensifica aínda máis as choivas.
Tras unha fin de semana xa marcada pola neve nas montañas de Lugo e Ourense, así como no interior de Pontevedra, a chegada dunha masa de aire xélido fará que a cota de neve caia até situarse entre 600 e 800 metros, especialmente durante o martes.
A Aemet sinala que este martes estará dominado por precipitacións asociadas a unha masa de aire morno e húmido, con ventos do suroeste e sur. Pola súa banda, Meteogalicia fala sen reviravoltas de "moita inestabilidade", debido á rápida formación dunha borrasca ao noroeste e a entrada de aire frío en altura.
Aínda que a alerta vermella por choivas finalizou de madrugada, a xornada seguirá marcada por avisos amarelos por vento en terra e na costa da Mariña, con mar combinada. E avisos laranxas en todo o litoral da Coruña e Pontevedra, onde o mar e o vento serán especialmente adversos.
Non se descartan chuvascos tormentosos acompañados de saraiba, temperaturas en descenso e refachos de vento fortes, sobre todo preto de Estaca de Bares.
O mércores chegará a fase máis significativa do episodio. Aemet prevé un descenso térmico acusado, especialmente na metade norte do país, con baixadas de entre 4 e 6 graos. En Galicia, Meteogalicia prognostica choivas pola mañá, localmente tormentosas, e chuvascos cada vez máis intensos pola tarde e a noite, coincidindo coa chegada dunha nova fronte.
A cota de neve situarase inicialmente ao redor dos 1.000 metros, subindo algo durante a tarde, mentres que as temperaturas máximas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento seguirá soprando do suroeste, forte no litoral e en zonas altas.
Xoves e próximos días: tregua relativa
A partir do xoves, Joseph comezará a perder forza, aínda que Galicia seguirá baixo un escenario de inestabilidade, especialmente en áreas montañosas do norte. Espéranse intervalos nubrados con chuvascos, menos frecuentes e intensos cara ao leste, e unha cota de neve que roldará os 1.200 metros, baixando pola noite.
As temperaturas subirán lixeiramente, pero o vento do oeste continuará sendo protagonista, con refachos fortes na costa.
Xaneiro despedirase en Galicia baixo a influencia das baixas presións atlánticas, e febreiro arrincará cun patrón moi similar con ventos intensos de compoñente oeste, precipitacións xeneralizadas e episodios de choivas localmente fortes. En definitiva, un tempo plenamente invernal que convida a non baixar a garda e a seguir atentos ás actualizacións meteorolóxicas.