Achega de 700.000 euros para a reforma do pavillón de Beluso

Bueu
29 de novembro 2024
Actualizado: 8:28

A axuda da Secretaría Xeral para o Deporte permitirá resolver as deficiencias estruturais desta infraestrutura así como as humidades

Presentación do proxecto do Pavillón de Beluso
Presentación do proxecto do Pavillón de Beluso / Concello de Bueu

O Concello de Bueu vén de conseguir 700.000 euros para a reforma do Pavillón Municipal de Deportes de Beluso.

A axuda provén da Secretaría Xeral para o Deporte e supón a máxima contía establecida na convocatoria, coa que se financiará o 40% do proxecto valorado en máis de 1,7 millóns de euros, e co se que solucionarán as deficiencias estruturais e de humidade, ademais de converter a instalación nun referente a nivel de eficiencia enerxética.

Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, concelleiro de Facenda, destacan que "trátase dunha proposta innovadora", sobre todo na eficiencia enerxética.

O Concello presentou a solicitude da subvención con cargo ao Fondo de Cooperación Local para investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, e concorreu con este proxecto elaborado a finais de 2022 e que xa fora presentado aos clubs e á veciñanza do lugar, ademais de optar a outras liñas de subvencións que foron rexeitadas.

O goberno local traballa agora na busca de alternativas de financiamento para que o proxecto saia adiante. Para iso estase estudando a posibilidade de solicitar unha operación de crédito, unha decisión pendente da incorporación nos próximos días dunha nova tesoureira municipal.

Esta actuación solucionará os problemas que a instalación deportiva arrastra dende hai tempo, case dende a súa inauguración no ano 2007, como a humidade nos vestiarios e as filtracións de auga da chuvia que entran pola cuberta, pero tamén aplicará conceptos adaptados aos tempos que vivimos, como a eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental, a accesibilidade ou a habitabilidade.

O proxecto contempla a reforma para dar solución ás deficiencias, pero pretende ser un proxecto de reforma integral.

Entre as propostas, están a apertura de varias ventás para dotar de luz natural á pista, a instalación dunha nova fachada ventilada con illamento térmico, ou a mellora do illamento e a impermeabilización da cuberta levando a auga cara ao exterior.

Así mesmo forraranse as paredes interiores con paneis acústicos, farase unha instalación na cuberta con paneis fotovoltaicos e renovaranse todas as instalacións do edificio por unhas de alta eficiencia enerxética.

Infografía do Pavillón de Beluso
Infografía do Pavillón de Beluso   Concello de Bueu

O proxecto tamén servirá para reforzar a seguridade, a través de accións como a substitución de tódalas varandas que non cumpren coa normativa actual, por exemplo as das gradarías, que se substituirán por vidros que ademais melloran a visibilidade da pista.

Na planta baixa, a nova distribución permitirá contar con catro vestiarios de equipo e dous de árbitros, todos eles accesibles para persoas con mobilidade reducida. Na planta alta, situaranse os aseos do público feminino, masculino e persoas con mobilidade reducida; neste último, incorporarase un lavabo para persoas ostomizadas.

A pista será dun pavimento deportivo con acabado en madeira para unha maior flexibilidade nas diferentes disciplinas deportivas, xa que este pavimento é o único que permite o seu uso tanto aos deportes de pelota coma aos de patinaxe. Dotarase tamén o pavillón cun vídeo marcador de dez metros cadrados de superficie, así como dunha instalación de música e son.