Bueu adxudica o servizo de axuda no fogar á empresa pontevedresa Idades

Bueu
02 de xullo 2015

A empresa Idades SL, con sede en Pontevedra, será a encargada durante os dous próximos anos -prorrogables a tres- do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Bueu

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar / Ayuntamiento de Madrid

A empresa Idades SL, con sede en Pontevedra, será a encargada durante os dous próximos anos -prorrogables a tres- do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Bueu.

Así se determinou despois de valorar as sete ofertas presentadas e clasificar as empresas coa celebración de dúas mesas de contratación para a apertura do sobre B coa oferta económica.

O orzamento destinado para o SAF de dependencia é de 135.881 euros ao ano, e de 30.440 euros en SAF de libre concorrencia. Ademais, inclúense melloras como limpezas extraordinarias, atención psicolóxica e de educación social, atencións podolóxicas, de fisioterapia e terapia ocupacional e outras atencións.

O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento no seu ámbito habitual.

Estará aberto a todas as persoas, aínda que de xeito particular, para a atención de maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no súa contorna inmediata, así como fogares con menores nos que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.