Bueu anuncia melloras no parque empresarial de Castiñeiras

Bueu
25 de xaneiro 2021

Tras unha reunión cos representantes do sector empresarial, a concelleira de promoción económica e turismo de Bueu, Silvia Carballo, adianta que "a idea é continuar coa ampliación da sinalización e crear unha bolsa de aparcadoiro público nunha das parcelas municipais, ademais de crear zonas verdes"

Reunión do alcalde de Bueu e a concelleira de promoción económica con representantes do sector empresarial
Reunión do alcalde de Bueu e a concelleira de promoción económica con representantes do sector empresarial / Concello de Bueu

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, mantiveron este luns unha reunión con Rodrigo Pastoriza, o xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, e Pablo Pazos, o presidente da Asociación de Empresarios de Castiñeiras.

Neste encontro, os representantes do sector empresarial expuxeron as súas demandas sobre as actuacións que consideran necesarias para o parque empresarial de Castiñeiras.

O goberno local comprometeuse a estudar estas obras de mellora durante os próximos meses con vistas a poder implementalas.

A edil de promoción económica adianta que "a idea é continuar coa ampliación da sinalización e crear unha bolsa de aparcadoiro público nunha das parcelas municipais, ademais de crear zonas verdes".

Estas actuacións únense ás que o Concello leva acometido neste espazo nos últimos anos. En concreto, en Castiñeiras melloráronse as beirarrúas nun treito de máis de dous quilómetros, instalouse iluminación LED e axardináronse as rotondas, entre outras actuacións.