Bueu aproba no Pleno esixir á Xunta o fomento da vivenda protexida

Bueu
06 de abril 2021

A sesión plenaria da corporación municipal de Bueu, celebrada este luns 5 de abril, aprobaba unha moción relativa á solicitude dun convenio coa Xunta de Galicia para a consecución de vivenda protexida na vila. O Concello comprométese a achegar dous solares ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para levantar preto dun cento de vivendas

Casa do Concello de Bueu
Casa do Concello de Bueu / PontevedraViva

A sesión plenaria da corporación municipal de Bueu, celebrada de modo telemático este luns 5 de abril, aprobaba unha moción relativa á solicitude dun convenio coa Xunta de Galicia para a consecución de vivenda protexida na vila.

A proposta partía dos grupos de goberno, BNG e ACB, e foi aprobada cos seus votos a favor, en contra do PSOE e a abstención do PP.

O alcalde Félix Juncal defendía a necesidade de que o Concello de Bueu tome a iniciativa nesta materia debido á pasividade da Xunta. "Debemos seguir tendo ambición e demandar que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVUS) asine un convenio co Concello para a promoción de vivenda protexida, sobre todo porque é moi preocupante a perda de poboación e o prezo á alza do mercado inmobiliario, tanto de compra como de alugueiro", declaraba Juncal.

Dado que a vivenda é unha competencia autonómica, o alcalde e o concelleiro de urbanismo mantiveron hai semanas unha xuntanza co director do IGVUS para tantear a posibilidade de asinar un convenio, para o que o Concello de Bueu achegaría dous solares que permitirían a construción de preto dun cento de vivendas. A impresión por parte do equipo de goberno tras este encontro foi cualificada como "decepcionante" e por iso o goberno local decidiu elevar ao pleno esta moción, que propón esixir á Xunta de Galicia a sinatura dun convenio, así como a creación dunha Comisión Especial de Vivenda para abordar este asunto e ir avanzando no mesmo.

"O que está claro é que non nos imos resignar e que, tarde ou cedo, Bueu contará cun plan municipal de vivenda", apuntaba o alcalde no Pleno. Pola súa banda, Elena Estévez, a voceira do PP, manifestaba que o seu grupo compartía a exposición de motivos aínda que non os acordos, e engadía que lle "sorprende que se xa houbo unha reunión co IGVUS na que se manifestou que non é factible a sinatura dun convenio, por que se insiste niso?". José Manuel Vilas, polo PSOE, lembraba que "se o BNG leva gobernando tantos anos, chama a atención que xusto agora urxa sacar adiante este tema de forma tan precipitada".

No Pleno tamén se trataron outras cuestións. En concreto, saía adiante cos votos a favor de toda a corporación a moción presentada polo BNG sobre a baixada ao 10% do IVE dos salóns de peiteado, estética e barberías. Así mesmo, tamén se aprobou por unanimidade a proposta do grupo popular para esixir ao Goberno central a supresión dos puntos 3 e 4 do artigo 18 da Lei de Cambio Climático. Por último, a moción presentada por BNG e ACB para solicitar a derrogación da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia contou cos votos a favor de todos os grupos, agás do PP, que se manifestou en contra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora