Ata 21 novas vivendas de promoción pública. Son as que reunirá a Xunta de Galicia nun edificio que construirá en Bueu. Ocupará tres parcelas cedidas polo Concello.
O municipio únese así á lista de catorce municipios galegos que xa cederon parcelas á Xunta para construír este tipo de vivendas protexidas.
A sinatura da cesión destes terreos formalizouse este venres no parque das Lagoas, moi preto do aparcadoiro de Santán, que é onde se sitúan as tres parcelas municipais que o Concello cede á Xunta para esa promoción.
O ámbito de actuación correspóndese con tres parcelas colindantes entre si e que suman 1.000 metros cadrados, nas que se prevén un total de 21 vivendas públicas, con garaxes e trasteiros.
Nelas investiranse 4 millóns de euros e a licitación do contrato de redacción do proxecto farase a través da Sociedade de Vivenda Pública (Vipugal), organismo dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
As empresas teñen de prazo ata o 23 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
A conselleira, María Martínez Allegue, agradeceu ao Concello a colaboración para a posta a disposición de solo onde construír vivenda pública.
Sinalou que a previsión é que estes novos fogares poidan ser realidade nesta lexislatura, en concreto, a principios de 2028.
"Hoxe é un día moi importante para Bueu", destacou o alcalde, Félix Juncal, especialmente para os veciños e veciñas "que están sufrindo as consecuencias das dificultades de acceder a unha vivendas nas mellores condicións e nun contexto inflaccionista".