O primeiro andar da Praza de Abastos de Bueu será escenario este venres e sábado do II Mercado do Pan, no que se poderán mercar e degustar os pans da vila, tan rica e con distintas variedades. Así o quixo destacar a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, quen declarou que "desde o goberno continuamos apostando pola valorización do espazo da Praza de Abastos, con esta actividade que enxalza un dos produtos nos que Bueu é máis rico: as variedades de pan".
Este mercado, que coincide coa campaña “Quere o teu mercado” permite tamén premiar aos clientes que mercan a diario na praza, aos que se lles entregarán vales para a degustación de empanadas o sábado.
Estas actividades, inseridas no programa de mercados temáticos organizados polo Concello de Bueu, dos que xa se celebraron o mercado de Entroido, e o da cervexa e da sidra, e que continuarán nos vindeiros meses cos mercados de conservas e de saúde e benestar.
Ademais, o Concello organiza o 12 de xuño unha nova edición do mercado ecolóxico e artesanal, que terá lugar na Praza Massó e no que haberá expositores e actividades complementarias de revalorización dos produtos locais e de proximidade.