Bueu conmemora o setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU

Bueu
10 de decembro 2018

Rapaces e rapazas dos seis centros educativos de primaria e secundaria de Bueu foron os protagonistas dos actos organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río e a Asociación Alfombras de Bueu con motivo da conmemoración do setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU

Conmemoración en Bueu da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU
Conmemoración en Bueu da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU /

Rapaces e rapazas dos seis centros educativos de primaria e secundaria de Bueu foron os protagonistas dos actos organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río e a Asociación Alfombras de Bueu con motivo da conmemoración do setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU.

O alumnado destes colexios confeccionaron na Praza Massó unha alfombra de entre 60 e 80 metros cadrados, construída arredor dun centro conformado polo logo da ONU para a conmemoración da carta dos dereitos humanos e rodeado de seis deseños sacados dos debuxos do concurso escolar celebrado o pasado mes de setembro.

Este tapiz completouse con trinta figuras de origami, imitadoras das esculturas da Enlightned universe (Universo iluminado), unha creación de Cristóbal Gabarrón para celebrar o aniversario da ONU que se inaugurou en Nova York en 2015. 

Ademais, o salón de plenos do Concello acolleu unha lectura dos trinta dereitos humanos a cargo de diversos persoeiros, entre os que destacaron o ciclista Álvaro Pino, a poeta Oriana Méndez, o cociñeiro Pepe Solla, a cantante Uxía Senlle, o ilustrador Marc Taeger ou Rosmy Gabarrón, a filla do propio Gabarrón.

O alcalde Félix Juncal foi o encargado de dar lectura ao último dereito, e destacou que o pobo de Bueu "ten que sentirse orgulloso de celebrar esta efeméride, na que debemos apostar decididamente por esa parte humana que nos une".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora