Bueu contrata a COVSA para pavimentar o aparcadoiro da rúa Santán

Bueu
22 de novembro 2023

A actuación foi adxudicada por preto de 40.000 euros e conta con financiamento do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra

Aparcadoiro da rúa Santán
Aparcadoiro da rúa Santán / Concello de Bueu

O Concello de Bueu comezou as obras de pavimentación do aparcadoiro da rúa Santán, unha actuación moi demandada entre a cidadanía e que o alcalde, Félix Juncal, visitou este mércores xunto ao director de obra. 

A actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, foi adxudicada a Construcións, Obras e Viais SA (COVSA) cun orzamento de 38.370 euros.

Estas obras suporán a pavimentación e pintado dun espazo con capacidade para uns corenta vehículos en pleno casco urbano, ademais da construción dunha rampla de entrada e dous accesos peonís. 

Segundo salienta o rexedor da vila, "esta pavimentación, cuxo comezo se demorou debido ao mal tempo das últimas semanas, permitirá adecentar e ordenar un espazo moi utilizado pola veciñanza e que nos ocasionaba moitos problemas porque se producían fochancas na tempada de chuvia e se levantaba po no verán".

Este proxecto forma parte do plan de mellora e habilitación de aparcadoiros municipais, no que o goberno traballa anualmente. Así, por exemplo, este verán pavimentouse e pintouse o aparcadoiro situado na Rúa Nova, na parroquia de Beluso.