A Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu colaborarán para a difusión, promoción, conservación e sostemento do sendeiro azul de Cabo Udra. A cooperación é froito dun convenio no que a institución provincial aporta 8.800 euros e a local, Bueu 2.200.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, asinaron este luns o convenio de colaboración, que ten como obxectivo impulsar as infraestruturas e servizos, conservar o patrimonio natural, sinalizar o sendeiro, instalar elementos interpretativos e mobiliario e realizar tarefas de mantemento da ruta de Cabo Udra.
Segundo recolle a Deputación nun comunicado, Carmela Silva destacou que a provincia de Pontevedra é a que conta con máis sendeiros azuis de España, 11 en total nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Nigrán, Ponte Caldelas e Vigo.
Con motivo da sinatura deste convenio, a Deputación aproveitou para dar a coñecer que no Plan Concellos 2017 prevé destinar 803.444,37 a Bueu, isto é, 66.467,25 euros máis que no 2016. O investimento será un 9,02% superior a un ano antes, un crecemento que supón seis puntos máis da media do Plan Concellos, un 3% con respecto ao ano 2016.
Entre o Plan Concellos e outros proxectos, a Deputación investiu en Bueu este ano 2016 un total de 1.234.520 euros, unha media de 100 euros por habitante. En liñas xerais, desta contía, 780.745,50 foron do servizo de cooperación, 201.556,77 destináronse para mobilidade, 80.628,06 para cohesión social e xuventude, 48.914,40 para emprego, 46.923,41 para cultura e lingua, 39.956 para deportes, 28.051,76 para medio ambiente e 7.744 para igualdade.