Arranca a XX Festa do Viño Tinta Femia no Eirado de Cela

Bueu
01 de xullo 2026

Do 3 ao 5 de xullo, a XX Festa do Viño Tinta Femia, pon en valor un dos viños con máis carácter e identidade da provincia

Festa do Viño Tinta Femia
Festa do Viño Tinta Femia / Concello de Bueu

A parroquia de Cela acolle esta fin de semana, do 3 ao 5 de xullo, a XX Festa do Viño Tinta Femia, organizada polo Concello e a Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu para poñer en valor un dos viños con máis carácter e identidade da provincia.

A festa celebrarase no Eirado de Cela e nela incluiranse actuacións de música tradicional, degustacións e catas deste viño que é xa, sen lugar a dúbidas, un dos produtos máis singulares e definitorios da vila morracense.

Precisamente, esta edición chega despois de que a corporación municipal bueuesa aprobase no pleno de xuño unha proposta de apoio á declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia, un trámite previo imprescindible para que o evento poida contar con este distintivo. 

Presentación da XX Festa do Viño Tinta Femia
Presentación da XX Festa do Viño Tinta Femia   Concello de Bueu

Dado que un dos obxectivos desta festa é reivindicar a historia do viño, o venres 3 ás 18.30 horas organizarase un roteiro co investigador e músico Xavier Blanco da Fundación Legar no que se explicará a música de raíz e a súa relación coa cultura do viño.

Nesta actividade, que se estreou o ano pasado con éxito de participación, proponse unha viaxe sonora polos espazos de Cela vencellados á tradición vitivinícola, onde a música de raíz se mestura cos labores do campo, cos faladoiros das vendimas e cos sons espontáneos das adegas.

Esta recreación sonora é unha homenaxe viva á tradición, á creatividade popular e ao papel social do viño como punto de encontro, memoria e celebración. O recinto da festa abrirase ás 19 horas, e xa despois, ás 20 horas, actuará o grupo tradicional Retrouso.

O sábado será o día grande, e a festa comezará ás 13.00 horas co pregón a cargo de Santiago Bolívar Piñeiro.

Este militar foi profesor na Escola Naval de Marín e ten estreitos vínculos con Bueu. Foi comandante do Juan Sebastián Elcano e baixo o seu mando completouse a décima volta ao mundo do buque durante nove meses e medio. 

Conta, entre outras, coas distincións de cabaleiro da lexión de Honra francesa e conta coas condecoracións da Gran Cruz ao Mérito Naval e a Gran Cruz de San Hermenegildo.

Durante toda a xornada se poderá degustar a comida e os viños, e xa pola noite, a partir das 21.00 horas, actuará o grupo “Cantadela de Meiro”. 

O domingo pola mañá está programada unha cata cega dos viños e unha actuación musical coa charanga Os Jaláticos.

Pola tarde, ás 16 horas actuarán os grupos Cantos de Taberna, Trécolas e Pelica de can. Ás 20.30 horas, entregaranse os premios e os diplomas aos colleiteiros e colleiteiras e sortearanse as rifas.