Bueu homenaxeará ás costureiras do municipio con motivo do 8 de marzo

Bueu
02 de marzo 2016

En total, serán once mulleres as que aparezan nunha reportaxe audiovisual que se comezou a gravar estes días pasados no Museo Massó sobre a vida das veciñas das parroquias da vila que pasaron a súa vida traballando de casa en casa coa máquina de coser enriba da cabeza

Vista do concello de Bueu Juan Mejuto

As mulleres costureiras de Bueu serán as homenaxeadas este ano na Gala da Igualdade que o Centro de Información á Muller do municipio organiza para conmemorar o Día da Muller. Terá lugar o domingo 13 de marzo ás seis da tarde.

En total, serán once mulleres as que aparezan nunha reportaxe audiovisual que se comezou a gravar estes días pasados no Museo Massó sobre a vida das veciñas das parroquias da vila que pasaron a súa vida traballando de casa en casa coa máquina de coser enriba da cabeza.

De Beluso homenaxearase a Teresa González Soliño, Josefa Menduíña Pérez, María de los Ángeles Fariña Pérez, María del Carmen Gómez López, Ifigenia Molares Villanueva, Angelina Otero Estévez e Josefa Molares Estévez; de Bueu, Marina Estévez Juncal e Benita Santos Villanueva; e de Cela, Asunción Santomé Parada e Consuelo Graña Moldes. 

Así se decidiu na Comisión de Igualdade celebrada este martes na que tamén se aprobou o programa de actividades para o martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Os actos comezarán ás 12.00 horas no Centro Social do Mar. O alumnado do IES Illa de Ons será o encargado de realizar a Declaración Conmemorativa do Día da Muller, e a continuación farase entrega dos premios do X Concurso de Viñeta e Ilustración "A igualdade no traballo".

Por outra banda, o concurso de fotografía "As mulleres na historia de Bueu" ten aberto o prazo ata o 15 de abril, polo que os alumnos dos centros educativos de primaria poderán traer imaxes anteriores a 1980 nas que se vexa a mulleres traballando.

A idea é realizar unha exposición en maio na sala Domínguez Búa para dar a coñecer o traballo das mulleres na vila.