Bueu instalará dezaseis mesas electorais para os comicios do 12 de xullo

Bueu
16 de xuño 2020

A través dun pleno extraordinario, a corporación municipal de Bueu realizou este martes o sorteo da composición das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o próximo 12 de xullo

Pleno extraordinario da corporación municipal de Bueu
Pleno extraordinario da corporación municipal de Bueu / Concello de Bueu

A través dun pleno extraordinario, a corporación municipal de Bueu realizou este martes o sorteo da composición das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o próximo 12 de xullo.

De cara a estas eleccións, segundo avanza o Concello, haberá dezaseis mesas electorais repartidas por todo o municipio.

Estarán situadas na Sala Amalia Domínguez Búa, na Escola Náutico-Pesqueira de Bueu, no IES Johán Carballeira, na Casa da Cultura, no CEIP A Pedra, na Casa da Aldea de Meiro, no CEIP Torre Cela, no Centro Sociocultural de Cela, na Escola de Sanamedio, na Escola de Cabalo, na Casa do Pobo de Beluso e no CEIP Montemogos.

O pleno no se aprobaron estas cuestións combinou a fórmula telemática e presencial e emitiuse en directo a través da canle municipal de Youtube. 

Ademais, os partidos aprobaron por unanimidade a proposta de implantación do sistema de vídeo actas para as sesións do pleno da corporación.

Segundo explicou Xosé Leal, edil de desenvolvemento tecnolóxico, esta medida mellorará a transparencia do Concello e facilitará o traballo do departamento de Secretaría para a recollida dos debates e intervencións dos plenos.