Bueu mellora a sinalización na rúa Staffan Mörling e mantén o sentido único de circulación

Bueu
15 de outubro 2020

Nesta zona tamén se acometeron traballos para facilitar o tránsito de peóns, nunha contorna na que conflúen instalacións utilizadas por un gran número de persoas, como o Pavillón Municipal Pablo Herbello, o CEIP A Pedra, o IES Johán Carballeira, o IES Illa de Ons e o Centro de Saúde

Visita ás obras na contorna da rúa Staffan Mörling de Bueu Concello de Bueu

O Concello de Bueu realizou na rúa Staffan Mörling unha serie de obras que consistiron no repintado de varias prazas de estacionamento para ciclomotores e vehículos e de dous pasos de peóns. Estes traballos acometéronse en resposta ás demandas da dirección e da ANPA do IES Johán Carballeira, así como dos usuarios do Pavillón Municipal Pablo Herbello.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, visitaban este xoves a zona para facer un seguimento do estado das obras.

O alcalde lembraba que nesta rúa xa se restrinxira a circulación o pasado ano, permitindo só o tránsito en sentido descendente. A partir de agora, e tras as peticións de toda a comunidade educativa, a vía quedará nun só sentido, agás no pequeno treito entre o pavillón e a rúa Ramón Bares, onde se permitirá a dobre circulación.

Nesta zona tamén o Concello de Bueu acometeu o ancheamento da beirarrúa próxima ao IES Johán Carballeira, co que se mellora a seguridade e a mobilidade dos peóns. Tamén procederase ao pintado doutro paso de peóns entre os dous institutos, completándose a actuación coa instalación dunha marquesiña na zona ocupada ata hai uns anos polo quiosco.

Na compaña dos técnicos municipais, o alcalde e a concelleira comprobaron tamén o estado do aparcadoiro situado na parcela lindeira ao IES Illa de Ons, onde existe espazo para aparcar corenta e oito vehículos, e no que se vén de rematar o pintado. As obras foron realizadas pola empresa Construcciones, Obras y Viales (Covsa), que tamén se encargou da humanización da rúa A Pedra.

Ese proxecto levouse a cabo con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais da Deputación de Pontevedra, no que tamén se modernizaron os servizos, como a recollida de augas ou a enerxía eléctrica, aumentáronse os anchos das beirarrúas, suprimíronse as barreiras arquitectónicas e incrementouse a sinalización horizontal e vertical, nunha zona na que conflúen instalacións utilizadas por un gran número de persoas, como o Pavillón Municipal Pablo Herbello, o CEIP A Pedra, o IES Johán Carballeira, o IES Illa de Ons e o centro de saúde.