Bueu mellora o sistema de rego dos xardíns municipais

Bueu
13 de novembro 2020

Os fontaneiros e xardineiros do Concello céntranse estes días na instalación de regas automáticas nos xardíns do parque Ramal dous Galos, do de María Eugenia, do Multiusos da Estacada e do Parque Empresarial de Castiñeiras

Instalación dunha rega automática no parque Ramal dos Galos de Bueu
Instalación dunha rega automática no parque Ramal dos Galos de Bueu /

Os servizos de xardinería e fontanería do Concello de Bueu centran estes días os seus esforzos na instalación dunha rega automática no xardín do Parque Ramal dos Galos, situado na contorna da Biblioteca Municipal Torrente Ballester. 

Destaca o alcalde Félix Juncal que estes traballos forman parte do plan de mellora dos xardíns municipais, e xa nas semanas previas deixáronse listos as regas que restaban nos Xardíns de María Eugenia, para comezar proximamente co Recinto Multiusos da Estacada, onde se celebran cada ano eventos tan importantes como a Festa do Polbo ou o SonRías Baixas.

O rexedor subliña tamén a actuación de mellora e axardinamento da rotonda do Parque Empresarial de Castiñeiras, uns traballos que levaron a cabo co persoal contratado no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra e no que se investiron preto de 6.000 euros, con cargo a fondos propios.

A actuación consistiu no fresado do espazo, onde se plantou herba natural e deseñouse un espazo con plantas ornamentais, que melloran un polígono por lel que transitan moitas persoas diariamente. 

Esta actuación complementa outras que levaron a cabo no polígono, como a renovación da iluminación, a reparación integral das beirarrúas ou a mellora da sinalización horizontal nos viais.

Nos próximos días, o persoal da brigada de obras e servizos municipal continuará co mantemento das zonas verdes da vila, así como coas limpezas nas diversas parroquias.