Bueu, noveno concello galego contrario aos festexos taurinos

Bueu
17 de xaneiro 2015

O pleno da corporación da vila decidiu aprobar a petición do colectivo Touradas fóra de Pontevedra para opoñerse ás corridas taurinas. Os concelleiros do Partido Popular abstivéronse agás Miluca Quintela que votou en contra da petición

Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra'
Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra' / PontevedraViva

O BNG, PSOE e a concelleira non adscrita de Bueu, Laura Ogando, votaron durante o pleno do venres a favor da proposta presentada polo colectivo Touradas fóra de Pontevedra na que se reclamaba un posicionamento por parte da corporación municipal en contra da celebración de corridas e festexos taurinos.

A proposta provocou diferentes reaccións e nas filas do Partido Popular decidiuse absterse. Non obstante, unha das súas concelleiras, Miluca Quintela, posicionouse a favor destas celebracións e emitiu o seu voto en contra da solicitude do colectivo que se opón a estes festexos.

Con esta decisión, Bueu convértese no noveno concello de Galicia e o segundo na provincia de Pontevedra, xunto a Cangas do Morrazo, que mostra o seu rexeitamento ás festas nas que interveñan touros.