O Concello de Bueu rendeu homenaxe á científica bueuesa Isabel Pastoriza Santos nun acto celebrado este sábado na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.
A concelleira de igualdade e benestar social, Ana Isabel Otero, encargouse de abrir este acto que pecha a programación organizada con motivo do Día Internacional das Mulleres e destacou que "Isabel leva o nome de Bueu sempre cara adiante, con mestría e intelixencia".
De seguido, Isabel Pastoriza mostrouse moi emocionada por recibir este recoñecemento que dedicou "a todas as mulleres científicas que traballan día a día para sacar adiante os seus proxectos, porque a desigualdade no campo científico é moi grande".
Pastoriza Santos recibiu o Premio á Excelencia Investigadora 2021 outorgado pola Real Sociedad Española de Química, e por iso no acto desta mañá realizou unha breve explicación arredor do seu traballo, no que leva adiante diferentes proxectos que se centran no deseño e fabricación de nanomateriais funcionais para o desenvolvemento de sensores ultrasensibles para ser empregados, tanto no eido ambiental, coma no da nanomedicina.
O Concello de Bueu fíxolle entrega dun cadro elaborado pola Asociación Juan XXIII de Cangas que leva gravada na parte traseira a mensaxe: "Dicía Marie Curie que o camiño do progreso non é nin rápido nin doado, pero sempre é grazas ao traballo incesante de persoas con moita forza e ilusión. Isabel Pastoriza Santos, científica bueuesa, é unha destas mulleres que nos axudan a progresar e a lograr un mundo máis xusto e igualitario. Dende o Concello de Bueu recoñecemos e agradecemos o seu labor a prol da ciencia e da visibilización das mulleres nela".
Finalmente, o alcalde da vila, Félix Juncal, pechou o acto lembrando que "o coñecemento é o que nos fai avanzar como sociedade, e a iso chegamos grazas a persoas como Isabel Pastoriza Santos, que dedican toda unha vida a rachar estereotipos e situacións".