Bueu reforza o equipamento da súa brigada de obras coa compra dun dumper e unha máquina de alta presión

Bueu
13 de febreiro 2022

O Concello investiu 24.000 euros nestas dúas ferramentas que facilitarán a execución de obras e a limpeza dos espazos públicos  

O Concello de Bueu amplía os medios da súa brigada de obras, mantemento e limpeza
O Concello de Bueu amplía os medios da súa brigada de obras, mantemento e limpeza / Concello de Bueu

A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu conta desde este venres con nova maquinaria coa que se mellorarán os servizos e se ofrecerá un salto de calidade no mantemento. Trátase dunha dumper e unha máquina de alta presión, nos que o consistorio investiu 24.000 euros con cargo a fondos propios.

A adquisición do dumper servirá para que a brigada conte cun medio no que depositar e mover terras de cara a obras e actuacións diversas, como poden ser pavimentacións, saneamentos e abastecementos. A máquina de alta presión servirá para limpar en profundidade as rúas, os paseos e mesmo os parques, zonas moi de tránsito e que así se manterán nun maior estado de salubridade.

Nos últimos anos, o Concello está dotando á brigada de máis medios e recursos que faciliten o traballo e melloren o estado dos espazos públicos, como foron a máquina varredora, unha furgoneta, ou un vehículo de limpeza de praias.