Bueu renuncia ao composteiro de Petís ante as protestas dos veciños

Bueu
10 de febreiro 2016

As reticencias formuladas por veciños de dous edificios colindantes, clave na decisión

Composteiro individual
Composteiro individual / Deputación de Pontevedra

O goberno local de Bueu vai desistir da súa proposta de colocar un dos catro composteiros solicitados á Deputación na zona de Petís. A decisión obedece ás reticencias dun grupo de propietarios de dous edificios colindantes, ante o cal o executivo prefire non apostar por esta localización para a primeira fase do plan de compostaxe provincial no que participa.

Nunha xuntanza celebrada este martes ante algúns destes veciños, na que ademais do alcalde Félix Juncal, estivo o concelleiro de Servizos Fidel Castro e o concelleiro e deputado provincial Xosé Leal, comunicouse a decisión xa que dende o goberno entenden que a base principal desta iniciativa está na participación da veciñanza para que visualice os aspectos positivos da mesma.

Neste aspecto Juncal indicou que, pese a non compartir as dúbidas formuladas polos opositores, si entende que a instalación dos elementos debe contar coa participación activa e o respaldo das vivendas máis próximas.

Ao tratarse dun proxecto piloto, o alcalde animou aos veciños a achegarse ás outras tres zonas previstas para os composteiros (dúas nas Lagoas e outra no entorno do pavillón Pablo Herbello) unha vez que estean acondicionadas para comprobar o bo funcionamento dos mesmos e a ausencia das supostas molestias que veñen esgrimindo nas últimas datas.

Dende o goberno sinalan que non se vai buscar unha nova ubicación para este composteiro nesta primeira fase xa que tería que estar próximo á zona descartada, onde se conseguiran os apoios precisos mediante sinaturas. No futuro, e tendo en conta a evolución positiva que esperan destes tres primeiros, o Concello apostará por estender estas instalacións a outras zonas da vila.