Buscan a colaboración dos veciños para que cedan terreos para o saneamento de Tenorio

Cerdedo Cotobade
23 de novembro 2016

O Concello de Cerdedo-Cotobade convocou este venres, 25 de novembro, aos preto de 80 propietarios afectados pola vindeira construción do saneamento de Tenorio co obxectivo de buscar a súa colaboración para acadar os terreos necesarios para a execución desta infraestrutura ao longo do vindeiro ano

SInatura do convenio para o saneamento de Tenorio
SInatura do convenio para o saneamento de Tenorio / Xunta

O Concello de Cerdedo-Cotobade convocou este venres 25 de novembro aos preto de 80 propietarios afectados pola vindeira construción do saneamento de Tenorio co obxectivo de buscar a súa colaboración para acadar os terreos necesarios para a execución desta infraestrutura ao longo do vindeiro ano. 

A xuntanza será ás 17.00 horas na Casa do Pobo de Tenorio e, segundo informou o Concello a través dun comunicado, van explicar o proxecto, "posiblemente o máis ambicioso e millonario da presente lexislatura municipal", valorado en 1,8 millóns de euros. 

O presidente da xestora, Jorge Cubela, solicitará que cedan os terreos necesarios e permitan o paso das canalizacións desta rede de sumidoiros polo seu "claro interese xeral para toda a parroquia e a mellora da súa calidade de vida e para a situación medioambiental do río Lérez".

Á espera do que suceda na xuntanza, Cubela amosouse convencido de que os afectados de Tenorio serán novamente comprensivos e permitirán a construción das pequenas infraestruturas de depuración e favorecerán o paso das canalizacións do saneamento, xa que os novos sumidoiros beneficiarán a preto de 1.200 veciños de Tenorio e a súa contorna.