Representantes do Concello de Poio e das tres confrarías do fondo da Ría de Pontevedra mantiveron o venres unha reunión para buscar fórmulas para a celebración da Festa da Ameixa de Campelo o vindeiro mes de setembro.
Na reunión estiveron presentes representantes das confrarías de San Gregorio de Raxó, Lourizán e San Telmo de Pontevedra e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que sinalou que o Concello "é consciente das dificultades que están atravesando este ano", coa mortalidade masiva de marisco que levou a pechar os bancos marisqueiros de toda Galicia.
Ante estas dificultades, desde o Concello queren "ser útiles co sector, buscar a fórmula que lles beneficie nun ano e nunha situación excepcional e moi complicada".
O alcalde explicou que é o momento de avanzar con todos os preparativos e resulta necesario ter claro que se vai facer na edición deste ano. Considera que o mellor é decidilo "escoitando aos protagonistas, coñecendo as súas opinións e consensuando con eles que é o mellor para os seus intereses".
Ángel Moldes recordou que o obxectivo da festa é dinamizar a economía e potenciar a imaxe do concello, pero tamén poñer en valor os produtos e a xente do mar, e por iso "é fundamental ir da man co sector, escoitar as súas inquedanzas para acertar coa fórmula que beneficie a mariscadoras e mariscadores que levan un ano moi duro" .
As confrarías propuxeron que a Festa da Ameixa de Campelo se celebre a finais de setembro tendo en conta as mareas, para poder asegurar a extracción do mellor produto posible.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.