Buscan un asistente social e docentes para cursos de formación en Cuntis

Umia
13 de abril 2022

O Centro de Formación Ocupacional da Ran impartirá unha certificación de profesionalidade en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais

Centro de formación do polígono industrial de A Ran, en Cuntis
Centro de formación do polígono industrial de A Ran, en Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis vén de publicar as bases de dous procesos selectivos para a contratación de persoal. Nun caso para sustitución da praza da asistente social e no segundo para escoller os docentes que impartirán os módulos dun curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se impartirá no Centro de Formación Ocupacional da Ran entre o 2 de maio e o 20 de setembro orientado a desempregados.

Os docentes contratados prestarán os seus servizos a tempo parcial durante 25 horas á semana sen adquirir o dereito a incluírse no persoal fixo de plantilla.

O curso, que rematará cun certificado de profesionalidade para os alumnos que o realicen, inclúe os módulos de apoio na organización de intervencións no ámbito institucional (100 horas); de intervención na atención hixiénico-alimentario en institucións (70 horas); intervención na atención sociosanitaria en institucións (70 horas); apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa en institucions (130 horas); módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas); inserción laboral, sensibilización medioambiental e na Igualdade de Xénero e formación para a igualdade (18 horas).

Os aspirantes a estes postos teñen que dispor da nacionalidade española; posuir a capacidade funcional para o desempeño das tarefas e non ter aberto ningún expediente que o separa do servizo nas administracións públicas, así como acreditar os requisitos necesarios como formadores, tendo en conta a normativa que regula o certificado de profesionalidade de dito curso e estar en posesión do CELGA 4 ou curso de Perfeccionamento de Lingua Galega, ou superar unha proba de coñecementos de Galego proposta polo tribunal.

No caso da asistenta social, a selección farase a través da Oficina de Emprego da Estrada e os aspirantes deben presentar a documentación esixida nas bases. A duración do contrato será indeterminada, ata a incorporación da persoa titular da praza.

Os interesados deben ter nacionalidade española, ter a titulación esixida (Grado en Traballo Social), certificar os méritos avaliables para o posto, dispor do CELGA 4 ou compatible e cumprir cos requisitos administrativos comúns ás selección de persoal para a administración pública.