Buscan un exhibicionista que escandalizou unha peregrina inglesa

Barro
30 de setembro 2014

Unha muller que estaba a facer o Camiño de Santiago este luns alertou o 112 de que se cruzara na súa ruta ao seu paso por Barro un home duns 40 anos vestido cunha gabardina ou unha peza similar e se exhibira ante ela. O home espiuse e masturbou. A pesar de que a Garda Civil percorreu os arredores e conta cunha descrición física do sospeitoso, non logrou localizalo  

Sendeiro no Concello de Barro
Sendeiro no Concello de Barro / Juan Mejuto

Unha peregrina de orixe inglesa levantou este martes a voz de alarma sobre a presenza dun exhibicionista no Camiño Portugués a Santiago ao seu paso polo Concello de Barro. A Garda Civil montou unha vixilancia, pero non conseguiu localizalo pola zona.

Os feitos aconteceron sobre as 13.00 horas. Unha muller que estaba a facer a ruta xacobea alertou ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia de que se cruzara no seu camiño un home duns 40 anos vestido cunha gabardina ou unha peza similar e se exhibira ante ela e amosado os xenitais.

O 112 alertou a Garda Civil e unha patrulla do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) desprazouse ao lugar e entrevistouse coa peregrina. A muller relatoulles que o home se espiu ante ela e se masturbou, pero non chegou a achegarse nin a propasarse, de tal forma que o seu comportamento é exhibicionista, pero non reporta ningunha agresión sexual nin conduta de acoso.

Tras ter constancia do sucedido, os axentes percorreron os arredores do Camiño e do termo municipal de Barro, pero non lograron localizar o sospeitoso. Si contan cunha completa descrición física do individuo achegada pola peregrina de orixe inglesa, de modo que os feitos seguirán sendo investigados.