Buscas nicho nun cemiterio? En San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio hai 300 dispoñibles

Pontevedra
13 de febreiro 2024

A ausencia deste servizo está a ser motivo de consulta nos últimos anos. Segundo a información facilitada polo Concello, diversos cidadáns dirixírense á administración local solicitando que se oferten nichos, especialmente no cemiterio de San Amaro e Lourizán 

Cemiterio de San Amaro
Cemiterio de San Amaro / Mónica Patxot

Aquelas persoas que estean á procura dun nicho nun dos cemiterios municipais teñen agora unha oportunidade. O Concello de Pontevedra ten previsto sacar a licitación 300 nos camposantos de San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio.

A ausencia deste servizo está a ser motivo de consulta nos últimos anos. Segundo a información facilitada polo Concello, diversos cidadáns diríxense á administración local solicitando que se oferten nichos, especialmente no cemiterio de San Amaro e Lourizán.

Da aplicación informática do servizo de cemiterios, destinada a mellora da súa xestión, o Concello extrae que existe un número elevado de nichos que estarían dispoñibles para atender a demanda actual da veciñanza, por iso agora vai poñelos a disposición da poboación. 

A concelleira da área de Cemiterios, Anabel Gulías, informou este martes do inicio do expediente de concesións de nichos baleiros nos nomeados camposantos. 

Na práctica, o expediente inicial deberá ser aprobado pola Xunta de Goberno Local, para logo ser aceptados os pregos e abrirse un proceso de recepción de alegación dun mes, tal e como acontece con calquera proceso administrativo deste tipo.

A continuación, poderase proceder coa aprobación definitiva dos pregos e a publicación do proceso de licitación no BOP, abríndose así o proceso de chegada de solicitudes. A persoa, logo de aceptar adxudicación gozará de 75 anos de concesión do seu nicho.

Están baleiros e dispoñibles 200 nichos no cemiterio de San Amaro, 36 nichos no Lourizán e 64 nichos no de Ponte Sampaio.

Tal e como aparecerá nos pregos da licitación, considérase que se deben fixar criterios de adxudicación vinculados a finalidade dos cemiterios, así debe valorarse a maior idade, na medida en que canto maior é a persoa maiores son as posibilidades de telo que utilizar. Atendendo a que se quere facilitar que todos os cidadáns de Pontevedra poidan ser titulares de concesión de nichos, tamén se valorará o menor número de nichos dos que se é titular.