Buscas traballo para este verán? Sanxenxo ofrece 24 prazas de auxiliar de Policía Local

Sanxenxo
08 de maio 2017

Os aspirantes teñen que ser maiores de idade, non estar condenados por delito doloso nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas. Requírese contar co graduado escolar

Policía local de Sanxenxo
Policía local de Sanxenxo / Diego Torrado

Se queres optar a ser auxiliar da Policía Local en Sanxenxo tes que ser maior de idade, non estar condenado por ningún delito doloso nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Requírese contar co graduado escolar. Estas son as condicións para poder conseguir formar parte do persoal de traballadores coa que se vai a reforzar a Policía Local da vila turística durante este verán.

O Concello encargarase de que as persoas seleccionadas reciban a formación adecuada a través dun curso obrigatorio na Academia Galega de Seguridade Pública. O obxectivo é que durante a época de máis presencia de visitantes atópese reforzado de persoal o departamento da Policía Local para atender aos diversos servizos, segundo explica a concelleira de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 15 de maio. Incorporaranse 24 auxiliares, que contarán cun contrato de tres meses de duración, de xuño a setembro, a xornada completa de luns a domingo, cos correspondentes días de descanso semanal.

As bases pódense consultar na web do Concello. A documentación deberá entregarse no Rexistro Xeral.

O proceso de selección desenvolverase os días 18 e 19 deste mes mediante o sistema de oposición e comezará cun control de estatura dos candidatos que, como mínimo, será de 1,65 para homes e 1,60 para mulleres. Os aspirantes deberán superar probas físicas de salto vertical e de 1.000 metros lisos de carreira. Ademais terán que contestar unha proba tipo test, sobre os contidos do temario que se inclúe na convocatoria. Tamén se someterán a unha entrevista persoal onde se avaliará o grao de coñecemento do municipio e da toponimia.