Búscase persoal administrativo para o Concello de Pontevedra

Pontevedra
16 de decembro 2019

O Concello de Pontevedra convoca 14 prazas para o ano 2020. Trece postos pertecen a tarefas administrativas e unha será para unha persoa con título de Traballo Social

Rexistro do Concello no edificio de Michelena
Rexistro do Concello no edificio de Michelena / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobaba este luns o incremento da oferta de emprego público prevista para o ano 2020. Anabel Gulías, portavoz municipal, indicaba que se tomaba esta decisión ante o aumento do volume de traballo existente na administración local.

Desta forma convócanse:

- 6 prazas de Administración. 3 corresponden a promoción interna e outras 3 para quenda libre. Unha destas tres últimas atópase reservada para persoas con diversidade funcional.

- 7 prazas de Auxiliar administrativo. Todas son libres e tamén una delas será reservada para persoas con diversidade funcional.

- 1 praza de Traballadora Social. A intención é que unha persoa funcionaria de carreira ocupe este posto, que desde 2018, cando foi creado, atópase ocupado por unha funcionaria interina.

Esta convocatoria de 14 prazas está prevista para 2020. A estes postos de traballo hai que sumar outras 16 prazas convocadas en 2019 e que se atopan en curso: 

12 prazas de policía, 2 de bombeiros, unha de persoa técnica de Administración xeral e outra de operario subalterno do Pazo da Cultura.