De acordo co plan de repregamento do exército español de Afganistán previsto polo Ministerio de Defensa, as tropas da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) deixaron este sábado a base 'Ricketts', situada na localidade de Moqur, na provincia de Badghis, repregándose á base situada na localidade de Qala-i- Naw á que chegaron, sen novidade, ás 9.41 hora española.
A saída produciuse 16 días despois da entrega da base de Ludina, e constitúe o segundo dos fitos do repregamento das tropas que España aínda mantén no país centroasiático. A partir de agora serán as unidades do Exército Nacional Afgán (ANA), adestradas polas tropas españolas, as que asuman plenamente a responsabilidade de garantir a seguridade na zona. Para iso contarán co seu asesoramento e apoio dende Qala-i-Naw.
A base foi transferida á empresa turco-americana EMJV, responsable das obras de construción da denominada 'Ring Road' na provincia de Badghis, que a utilizará como base loxística. O representante da empresa, Amid Scander, agradeceu a cesión da base, que servirá para acelerar o peche desta importante vía de comunicación, que percorre todo Afganistán.
Á finalización dos actos, o persoal español embarcou no último convoi de Moqur a Qala-i-Naw, precedido por un dos novos vehículos blindados 'Husky', que proporcionan mellores capacidades contra Artefactos Explosivos Improvisados (IED) aos convois de repregamento dende o pasado 6 de marzo.
O último soldado español en caer en Afganistán estaba destacado nesta base de Moqur. O sarxento David Fernández Ureña, pertencente á Unidade de Enxeñeiros da ASPFOR XXXII, faleceu o 11 de xaneiro de 2012 ao estoupar un IED cando realizaba labores de recoñecemento na ruta 'Opal', entre as localidades de Moqur e Darreh-i-Bum
Durante case tres anos en Moqur as tropas españolas traballaron para mellorar a seguridade e gobernabilidade na rexión así como para fomentar o desenvolvemento das súas poboacións. Entre outras moitas actividades de cooperación cívico militar, pódense destacar o programa de reintegración de insurxentes, a execución de obras civís como a derivación dun rio para mellorar o rego ou a reparación dos firmes das estradas e a distribución de material sanitario e humanitario na provincia.