Cabada deféndese: "Vinme na obriga de aceptar os feitos a sabendas da miña inocencia"

Pontevedra
05 de abril 2018

Tras coñecerse o acordo de conformidade alcanzado coa Fiscalía polas irregularidades nas feiras organizadas pola Cámara de Comercio, o empresario Manuel Cabada púxose en contacto con PontevedraViva para dar a súa versión sobre o sucedido

O empresario Manuel Cabada
O empresario Manuel Cabada / Mónica Patxot

Tras coñecerse o acordo de conformidade alcanzado coa Fiscalía polas irregularidades nas feiras organizadas pola Cámara de Comercio, o empresario Manuel Cabada púxose en contacto con PontevedraViva para dar a súa versión sobre o sucedido.

Cabada mantén que "a sabendas da miña inocencia" viuse na "obrigación" de aceptar os feitos expostos pola Fiscalía tras recoñecelos tanto Charo Lorenzo como Ricardo Mirón, ex secretaria e ex presidente da cámara pontevedresa.

Todo iso despois de que, segundo a Fiscalía, a Cámara de Comercio non se axustou á legalidade no procedemento de adxudicación das feiras que organizaba a entidade.

A este respecto, Cabada aclara que na súa empresa xa traballaba a irmá de Charo Lorenzo "moito antes" de que esta fora nomeada secretaria da Cámara e defende que a lei non lle obrigaba a despedila porque un familiar accedese a ese cargo.

O empresario pontevedrés asegura que Grupo Norte era a única organizadora profesional de congresos que existía en Pontevedra, título que cualifica para realizar feiras e congresos.

"Como empresario, realizabamos o noso traballo con eficiencia e queriamos cobrar polo mesmo; pero a Cámara de Comercio poñíanos desculpas baseadas en problemas económicos internos á hora de abonar os servizos feirais realizados", continúa Cabada.

Para iso, asegura o empresario, "requiríannos para facer unha rebaixa nas miñas facturas e a nosa obrigación era declaralas a Facenda", aclarando que o que logo fixese a Cámara con esas facturas "era descoñecido para nós".

Manuel Cabada reitera que "cumpro fielmente" coas súas obrigacións fiscais e lembra que a contabilidade da miña empresa está depositada no Rexistro Mercantil, polo que a pesar de todo "seguirei traballando con profesionalidade, honestidade e decisión".