Caballero impulsará as políticas sociais fronte os "recortes e inacción" de Núñez Feijóo

Pontevedra
03 de xuño 2020

Caballero defendeu que, "fronte aos recortes, o retroceso e a inacción" do goberno de Núñez Feijóo, o "bloque progresista" encabezado polo PSdeG-PSOE impulsará "claramente" un programa baseado na política social, a defensa da sanidade pública e a reconstrución económica "para que ninguén quede atrás"

Gonzalo Caballero e Carmela Silva, en Pontevedra
Gonzalo Caballero e Carmela Silva, en Pontevedra

Pontevedra foi a parada que, na súa xira de precampaña, realizou este mércores o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta. Acompañado por Carmela Silva, Gonzalo Caballero elixiu a cidade do Lérez para falar de políticas sociais.

Tras o encontro que mantiveron ambos os dirixentes, Caballero lamentou que Núñez Feijóo "fracasara" na xestión das políticas sociais e que, ao longo desta crise sanitaria, non tomase "decisións importantes" para reforzar o estado de benestar.

O dirixente socialista censurou a falta de atención que, entre outros, tiveron as escolas infantís, as residencias de maiores, os centros educativos ou a dependencia. 

Caballero defendeu que, "fronte aos recortes, o retroceso e a inacción" do goberno de Núñez Feijóo, o "bloque progresista" encabezado polo PSdeG-PSOE impulsará "claramente" un programa baseado na política social, a defensa da sanidade pública e a reconstrución económica "para que ninguén quede atrás".

As políticas progresistas son nestes momentos de crise sanitaria "máis necesarias que nunca", segundo Caballero, porque o PP "esqueceuse das persoas" e, neste sentido, "quen quedan máis atrasadas son as mulleres".

Por iso, o candidato socialista prometeu que se goberna tras as eleccións previstas para o 12 de xullo creará unha Consellería de Igualdade que teña "amplas competencias" para que as mulleres poidan saír "con garantías" da crise creada pola COVID-19.

Este departamento "específico" prevé garantir os dereitos das mulleres para desenvolver a súa actividade laboral e ter unha "vida digna" para conseguir "recuperar o país para a cidadanía e non agrandar a fenda de xénero" entre homes e mulleres.

Para saír da crise, engadiu o líder do PSdeG, "hai que priorizar ás persoas" e apostar polo estado de benestar a partir dun "gran pacto pola reconstrución" no que participen os partidos políticos, os axentes sociais e as administracións locais.

A este respecto, lamentou que Núñez Feijóo exercese de "observador" ante esta crise e non tomase "decisións nin medidas" para a cidadanía, fronte aos concellos ou as deputacións como a de Pontevedra que, ao seu xuízo, "deu un exemplo de como gobernar en tempos de crises".

Carmela Silva, pola súa banda, reivindicou o papel dos entes locais á hora de poñer encima da mesa "os recursos que de verdade chegan á xente".

Asegurou que, ao longo do estado de alarma "quedou claro" que fronte á "ausencia" da administración autonómica foron as deputacións e os concellos os que atenderon á cidadanía con problemas de alimentación, hixiene ou educativos.

Silva reclamou por todo iso que a Xunta aprobe un "fondo particular" dotado de 300 millóns de euros que permita ás entidades locais seguir cubrindo as necesidades da cidadanía cando finalice o estado de alarma.