Cada día máis empresas pontevedresas apostan pola inclusión laboral

Pontevedra
25 de febreiro 2019

Desde a Asociación Down Pontevedra Xuntos animan ás empresas da zona para coñecer a metodoloxía de Emprego con Apoio que levan a cabo desde o ano 2002

Cecilia no seu posto de traballo coma ordenanza
Cecilia no seu posto de traballo coma ordenanza / Asociación Down Xuntos de Pontevedra

Neste inicio de ano aumentou o número de empresas pontevedresas que apostan pola inclusión laboral das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Así, acredítao a Asociación Xuntos que cita como exemplo o caso de Adrián que tras varios meses traballando en Aludec a través dunha Empresa de Traballo Temporal, asinou a comezos deste 2019 un contrato anual a xornada completa como mozo de almacén. 

Por outra banda, Miguel Pérez, que traballa como masaxista no equipo de balonmán profesional da SD Teucro, acaba de asinar un contrato indefinido como auxiliar naturópata en Torrado Centro de Recuperación, onde leva traballando e adquirindo experiencia varios anos. Así, dous días á semana prepara as salas de masaxes da clínica e trata aos pacientes que se achegan ata alí ata que soluciona as súas doenzas. E como bo profesional, esta última parte, a do trato directo co paciente, é a que máis lle gusta do seu traballo.

A estas experiencias suman as de Cecilia e Celso, que traballan no Espazo Arroelo como ordenanzas e as súas funcións van desde a atención ao cliente e a recepción de correo e paquetería ata manter a orde nos espazos de traballo. 

Desde a Asociación Down Pontevedra Xuntos animan ás empresas da zona para coñecer a metodoloxía de Emprego con Apoio que levan a cabo desde o ano 2002.