Caduca a concesión de Ponte Inferno e a empresa debe demoler as súas instalacións hidroeléctricas no río Verdugo

Ponte Caldelas
30 de xuño 2022

A concesionaria ten seis meses para presentar o documento técnico coas actuacións a executar e, cando obteña o permiso, disporá dun prazo de 18 para as demolicións  

Encoro de Ponte Inferno, no río Verdugo
Encoro de Ponte Inferno, no río Verdugo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de notificar este xoves a todos os interesados a resolución da caducidade da concesión de Ponte Inferno, no río Verdugo, na que se establece a obriga da demolición dos elementos de aproveitamento existentes no río.

Mediante esta resolución conclúe o expediente de extinción, por fin do prazo concesional, do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno, implantado no río Verdugo, nos concellos de Ponte Caldelas, Soutomaior e Pontevedra, unha vez cumprido o trámite de audiencia a todos os interesados e de acordo á normativa vixente e o interese xeral. 

A resolución de extinción do dereito concesional asinada por Augas de Galicia, como organismo competente de conca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, establece que o titular da concesión queda obrigado a demoler os elementos implantados na zona de dominio público hidráulico do río Verdugo que conforman o aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno, procedendo do mesmo xeito á integración ou demolición daqueles implantados fóra desa zona. 

A concesionaria tamén deberá proceder á anulación do desvío de auga cara a canle de derivación á maior brevidade posible, e en todo caso, no prazo máximo dun mes desde a data de recepción da notificación da resolución de extinción do citado dereito concesional.

Do mesmo xeito, co fin de iniciar a tramitación relativa á demolición e integración dos distintos elementos do salto, a concesionaria deberá presentar en Augas de Galicia, no prazo máximo de seis meses desde a data de notificación da resolución, un documento técnico que describa e defina todas as actuacións necesarias para a demolición dos elementos do aproveitamento hidroeléctrico que se atopen implantados sobre o dominio público hidráulico.

Máis en detalle, o documento técnico deberá describir e recoller as propostas de adecuación a realizar coas restantes infraestruturas e elementos integrantes do aproveitamento situadas fóra do dominio público hidráulico.

A titular da concesión tamén deberá entregar a correspondente documentación ambiental relativa aos anteditos proxectos, para o inicio da avaliación de impacto ambiental das diferentes actuacións ou a xustificación da non necesidade de sometemento á mesma, segundo o disposto na normativa vixente, no que se analicen os impactos potenciais que as obras poden provocar sobre o medio ambiente e as medidas que se tomarán para a súa axeitada protección.

Unha vez obtidas as autorizacións necesarias, a concesionaria disporá de 18 meses para proceder á demolición das obras en dominio publico hidráulico e para as restantes obras que ordene Augas de Galicia.