Cae unha rede empresarial con ramificacións en Pontevedra dedicada ao transporte de haxix

Pontevedra
05 de xuño 2021

Confiscaron un total de 1.035 quilos de haxix en distintas fases, ademais de dúas embarcacións pneumáticas de gran potencia valoradas en máis de 300.000 euros

Operación Maasdam-Libélula
Operación Maasdam-Libélula

Na denominada operación Maasdam-Libélula, a Garda Civil detivo 11 persoas que supostamente conformaban un grupo criminal especializado na introdución de substancias estupefacientes desde Marrocos ata España e o seu posterior traslado a outros países europeos.

Interviñéronse un total de 1.035 quilogramos de haxix, dúas embarcacións de gran potencia, varios camións, furgonetas e vehículos de alta gama.

Segundo informaron este sábado fontes oficiais do Instituto Armado, dispoñían dunha ampla rede de empresas de transporte de mercadorías nas provincias de Pontevedra, Málaga e Barcelona, trasladando o haxix oculto entre a mercadoría legal.

A mediados do pasado ano, a Garda Civil levou a cabo a primeira intervención contra esta organización, localizando un dos seus camións cargado con 705 quilogramos de haxix ocultos entre unha expedición de aceite de oliva con destino a Francia.

Nesas mesmas datas, a organización investigada sofre varios contratempos ao perder a algúns dos seus integrantes, xa que a un deles perdéuselle o rastro nunha embarcación a 40 millas da costa granadina, sen que se volvera a ter noticias do seu paradoiro e outros dous perderon a vida nun accidente aéreo no municipio sevillano de Pedrera, resultando ser o piloto e copiloto do helicóptero desta organización, encargados de introducir o haxix na península por vía aérea.